Patrimonio Histórico

As murallas derrúbanse cando perden utilidade e sentido

As murallas eran un elemento apreciado da cidade, polo seu carácter protector e por ser símbolo da historia colectiva da veciñanza, das fazañas e transos pasados ao longo da historia. Esta percepción positiva transfórmase no século XIX e serán moitas as cidades que, como Vigo, derruben as súas murallas. Hoxe a arqueoloxía axúdanos a coñecer os seus vestixios. 

Co gran desenvolvemento do século XIX moitas cidades de Europa comezan a derrubar as súas murallas. A perda de utilidade ante as novas técnicas bélicas, o obstáculo que supoñían ao crecemento da cidade ou a insalubridade dos barrios intramuros farán que as murallas pasen a percibirse como un problema. Así ocorreu en Vigo, onde o gran crecemento urbano e industrial da cidade necesitaba de espazo. De feito é das primeiras cidades españolas que planifica un ensanche urbano. 

Reconstrución sobre fotografía actual

Aquí situábase o baluarte e a porta da Falperra, que daba acceso ao camiño de Baiona, demolidos a finais do século XIX. Durante os traballos arqueolóxicos realizados en 2009-2010 localizáronse os restos da cimentación do baluarte. Presentaba unhas caras de 15 e 18 m de lonxitude e un flanco duns 20 m. Anexo a el, un tramo de muralla de 20 m de lonxitude e 4 m de altura, baixo o nivel actual da rúa. Sepultados por capas de formigón e cruzados pola tubaxe e condutos das actuais infraestruturas urbanas, xacían ocultos gardando os segredos da súa historia. Aí seguen, marcando o espesor histórico da cidade.

Restos da muralla localizados

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100