Parroquias

Lavadores

Lavadores ten, segundo o último censo, 16.762 veciños, sendo unha das parroquias máis populosas. Foi concello de seu durante 104 anos, dende a desaparición administrativa do Reino de Galicia ata o ano 1941, cando Vigo o anexionou trala guerra. Daquela, a actividade sindical dos obreiros e mariñeiros de Lavadores fixo que a parroquia collese o nome de 'Rusia pequena'. Anteriormente, Lavadores convertérase nun dos núcleos do agrarismo, redactándose no 1912 o Manifesto de Agosto, encabezado polo frade Basilio Álvarez.

De Lavadores foi tamén o indiano Ramón Nieto, que pulou polo desenvolvemento do seu concello dende a emigración en Chile, e que fundou as escolas Nieto. Tamén é de aquí o gaiteiro do Fragoso, Henrique Otero Covelo, insigne instrumentista, representante dunha vizosa vida musical na que se pode destacar a actividade da agrupación folclórica Froles Novas. A parroquia de Lavadores ten unha vida asociativa moi dinámica e conta con 30 colectivos.

A actual igrexa parroquial de Santa Cristina, realizada no século XIX, ocupa o lugar dun antigo templo do XII, conservando deste tan só os canzorros do tellado. Encol da porta principal da igrexa gárdase nun fanal o Cristo do antigo cruceiro que deu nome ao barrio do Calvario. Xunto á igrexa tópase o pazo de Rivera Atienza, hoxe empregado como escola-taller.

Máis información en:
- AA.VV. de Lavadores
- Asociación Cultural O Fiadeiro

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100