Servizos Sociais

Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade

Órgano colexiado permanente de participación e punto de encontro entre o Concello de Vigo e as persoas e asociacións sen ánimo de lucro que traballan no ámbito da cooperación internacional e a solidariedade entre os pobos.

O seu regulamento foi aprobado o 27 de xullo de 1994 polo Pleno da Corporación municipal e modificado o 29 de setembro de 2008 (publicado no BOP nº 60, do 30 de marzo de 2009).

O Consello ten carácter consultivo e asesor nas materias relacionadas co seu ámbito de actuación e leva a cabo funcións de informe e, no seu caso, proposta, en todas as cuestións referentes ás súas competencias, buscando a mellor solución para acadar un maior nivel de eficiencia e eficacia das accións levadas a cabo e materia de cooperación internacional e solidariedade.

Funcións

  1. Servir de canle de participación e diálogo cos organismos públicos e privados en asuntos de interese común para a cooperación internacional e a solidariedade.
  2. Fomentar o desenvolvemento do asociacionismo das persoas integrantes destes colectivos no noso municipio.
  3. Potenciar a coordinación entre as institucións e entidades que actúan neste ámbito.
  4. Promover a realización de estudios e investigacións que permitan afondar e mellorar a participación do Concello nos proxectos de cooperación e solidariedade internacionais.
  5. Presentar iniciativas, propostas ou suxestións ás diversas Concellarías, á Corporación, ós Consellos sectoriais e a cantas outras institucións e Administracións públicas, incidan coas súas actuacións neste ámbito, coa finalidade de garantir a coordinación das actuacións que se deriven da mesma, así como as propostas de actividades ou accións que faciliten a resolución das problemáticas específicas.
  6. Informar á Corporación municipal nos temas que se considere pertinente da materia tratada.

Funcionamento

Está formado polos seguintes órganos: Pleno, Presidencia, Vicepresidencia e Secretaria. Reúnese, con carácter ordinario, unha vez ao trimestre.

A Presidenta é a Concelleira de Política Social e forman parte do mesmo:

  • As ONGD: ADDIS Galicia, Amigos da Terra, Comité Óscar Romero, Fundación de Ayuda a la Infancia, Fundación Balms para la infancia, Fundación Entreculturas, Jóvenes y Desarrollo e Oxfam-Intermón.
  • Os partidos políticos: PP, Marea de Vigo e PSG.
  • Os sindicatos CCOO e CIGA.
  • Máis a Federación Veciñal Eduardo Chao, a Universidade de Vigo e a Subdelegación de Goberno.

O Consello conta cunha comisión permanente de traballo sobre sensibilización, encargada da planificación e seguimento da campaña de sensibilización Impórtanos.

Campaña Impórtanos

A campaña Impórtanos! é unha campaña de sensibilización promovida polo “Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade” que ten como obxectivo promover a reflexión acerca das relacións de interdependencia Norte-Sur, o paradigma de cidadanía global e o desenvolvemento sostible.

O proxecto trata de sensibilizar á poboación viguesa sobre a necesidade e importancia da axuda ao desenvolvemento, informando das repercusións positivas dos proxectos de cooperación nas poboacións empobrecidas ou socialmente excluídas, promovendo a reflexión e invitando á participación da cidadanía viguesa na construción dun planeta máis xusto e solidario para todos e todas.

Obxectivos

  • Sensibilizar á sociedade viguesa para o exercicio dunha cidadanía global comprometida coa xustiza e a solidariedade, a erradicación da pobreza e a promoción do desenvolvemento humano e o exercicio pleno dos dereitos.
  • Poñer en valor a conexión entre o global e o local resaltando o carácter interdependente de ambas dimensións, insistindo nas interconexións entre pasado, presente e futuro para aumentar o coñecemento sobre a realidade do Sur e a realidade do Norte.
  • Facilitar a toma de conciencia sobre as causas que explican a existencia da pobreza, da desigualdade e da crise ambiental, que provocan que unha maioría da poboación mundial non poda satisfacer as súas necesidades básicas e careza de oportunidades e dereitos.
  • Promover o compromiso para o cambio, a través da acción participativa (pensar globalmente, actuar localmente).

Persoas destinatarias

O proxecto vai dirixido á sociedade viguesa en xeral cos seguintes segmentos de poboación prioritarios: docentes, comunidade universitaria, voluntariado das ONG viguesas e profesionais dos medios de comunicación; todos eles considerados colectivos cunha alta capacidade de multiplicación.

Liñas de acción

A campaña aposta por unha cidadanía global comprometida activamente na consecución dun mundo máis xusto e sustentable, inspirándose nos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), que marcan unha axenda universal e transformadora na que as persoas e o planeta ocupan un lugar central. Unha axenda que nos compromete a todos e todas: gobernos, sector privado e sociedade civil.

Conta con tres liñas de acción:

  • A Sensibilización, con actividades para o público en xeral como conferencias, proxeccións de cine, exposicións, actos de rúa, etc.
  • A Formación, impulsando anualmente dous cursos, un en colaboración coa Universidade de Vigo (o obradoiro Achégate ao Sur) e outro co Centro de Formación e Recursos do Profesorado, CFR Vigo (utilizando os contacontos como recurso na Educación para a Solidariedade e o Desenvolvemento).
  • E a Educación para a Cidadanía Global, tratando de espertar a capacidade de ler a realidade, favorecendo a curiosidade polo que sucede e a capacidade de sorprenderse e facerse preguntas con actividades dirixidas a todos os niveis educativos, desde Infantil a Bacharelato (contacontos, teatro, cine, obradoiros, exposicións, etc.) destinadas aos centros educativos vigueses que desexen participar na campaña.

Máis información na web www.importanos.org

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100